jueves, 16 de noviembre de 2023
Novembro, mes da lectura
Calquera mes é ideal para nos mergullar nun libro, pero novembro é o escollido para conmemorar o Día da Lectura en Galicia. O motivo: o nacemento do escritor galego Xosé Neira Vilas, autor de obras tan senlleiras como Memorias dun neno labrego. Este e outros títulos do autor están dispoñibles na biblioteca. Anímaste a navegar a través dalgunha das súas historias?!
lunes, 13 de noviembre de 2023
Concurso de microrrelatos sobre as emocións
Gústache escribir? Tes historias interesantes que contar? Se é así, non podes deixar escapar a oportunidade de participar no Concurso de microrrelatos que convoca a Biblioteca.
Non máis de 500 palabras, unha gran dose de creatividade e unha trama baseada nas emocións, o tema escollido este ano pola Biblioteca para traballar ao longo de todo o curso. Estes son os principais ingredientes a partir dos que debes cociñar o teu texto.
Consulta toda a información nas bases do certame. E recorda: tes ata o próximo 13 decembro para participar.
Moita sorte!
jueves, 2 de noviembre de 2023
Quen dixo medo?
Atréveste a gozar dunha proposta de medo, de moito medo?! Ven á biblioteca gozar a través dunha nova selección de obras, baseada nesta ocasión en libros e filmes "terroríficos", co gallo da celebración do Samaín. Podes levar en préstamo desde lecturas como Trece avisos, de Paula Carballeira; El libro del cementerio, de Neil Gaiman; O demo á orella, de Xosé Miranda, ou a novela gráfica de Antonio Seijas baseada no libro Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz, ata DVD como os das películas La novia cadáver ou Las brujas de Zugarramurdi.
Pero iso non é o todo. Tamén podes adentrarte no Cemiterio de lendas enterradas, que se exhibe na entrada do edificio principal, e deixar voar a imaxinación a través de textos elaborados para a ocasión polo alumnado de 1º e 4º de ESO, e da Aula Específica. Literatura e arte funeraria van da man nesta iniciativa organizada polo departamento de Lingua Castelá, en colaboración cos de Tecnoloxía, Plástica e Latín e Grego.
E a arte tamén é o eixo central da exposición de debuxos Quen dixo medo?, na que alumnado de 1º e 2º da ESO amosou a súa visión sobre diversos seres mitoloxícos galegos, como o home do saco, o cabalo da Fiaña, nubeiro ou Brancaflor, a filla máis nova do demo.
Grazas a todo o alumnado e profesorado que fixo posible estas iniciativas "de medo", enmarcadas nunha programación do curso que ten como protagonistas as emocións.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)