viernes, 18 de noviembre de 2011

DÍA DOS DEREITOS HUMANOS

10 DE DECEMBRO

Con motivo deste día queremos, entre todos, facer unha reflexión a través dun traballo artístico e colaborativo. Propoñémosvos elaborar un cartel no que, a través dunha imaxe, un collage, un debuxo, … expresedes o que vos suxire o artigo que colocamos na vosa aula.

NORMAS

1. Haberá un único cartel por aula, ( polo tanto, debedes falar sobre o artigo que vos tocou e poñervos de acordo en qué aspecto queredes resaltar e cómo o ides facer)

2. No cartel debe aparecer o texto do artigo da declaración que vos tocou expresar.

3. Haberá cómo mínimo unha imaxe. (Pode ser unha foto, un debuxo, un collage, unha viñeta, … Sede creativos!)

4. Aparecerá un texto no que se explique o que quixestes expresar con esa imaxe.

PRAZO: Entregaranse os traballos na biblioteca escolar antes de día 2 de decembro.

MATERIAL:Haberá unha única cartulina (do formato axeitado)por aula na conserxería para realizar os carteis.

Todos os traballos serán expostos posteriormente nun lugar visible do centro.

XA ESTAMOS DE VOLTA!

Ola!
Despois dun comezo de curso un pouco axetreado queremos retomar este blog e empezar a contarvos todo o que dende a biblioteca estamos a facer polo fomento da lectura e da cultura en xeral.
  • Inauguramos o curso cunha homenaxe a Álvaro Cunqueiro, na que un numeroso grupo de alumn@s e outros membros da comunidade educativa leron textos da súa obra, facendo un percorrido polas diversas facetas do autor (poeta, xornalista, orador, gastrónomo,...)
  • De seguido chegou o Samaín e a biblioteca encheuse de arañas, meigas, pantasmas, e palabras cheas de medo e terror. Tamén houbo cabazas(aínda que este ano non aguantaron moito tempo).
  • Agora xa andamos traballando nunha actividade para reflexionar sobre os dereitos humanos e de seguido chegará o nadal.
  • Tamén andamos a buscar un grupo de alumn@s colaborador@s e xa hai moitos interesados.
Así que xa vedes que aínda que non escribiamos moito no blog non andabamos parados.
Non tivemos moito tempo para subir as fotos e os videos das actividades pero prometemos subilas en canto poidamos.
Saúdos e libros para tod@s!

viernes, 7 de octubre de 2011

Escrito enviado á inspección educativa

O grupo de apoio da biblioteca do IES de Foz quere expresar a súa sorpresa e malestar ante o feito de que a inspección educativa non facilitase a continuidade no seu cargo do responsable da nosa biblioteca escolar.
Ante esta situación queremos facer as seguintes consideracións:
• A Biblioteca do IES de Foz pasou de ser un mero almacén de libros a converterse nun referente para a vida educativa do centro tanto nas actividades lectivas como extraescolares. Neste senso foi fundamental a inclusión da biblioteca escolar no PLAMBE (Plan de mellora de biblioteca escolares) no que participamos dende o ano 2006.
• Moitas das iniciativas que xorden nos distintos ámbitos didácticos (distintos departamentos, dinamización lingüística, proxectos europeos,…) teñen como centro a biblioteca.
• Isto foi posible polo empeño, traballo, e esforzo da persoa que coordinou a biblioteca durante os sete últimos anos e que conseguiu crear un grupo de apoio formado por profesores dos distintos departamentos que traballa fóra do horario escolar e que realiza unha labor efectiva e real sen esperar máis compensación que mellorar a formación do noso alumnado.
• Cremos que non se valorou dabondo o traballo, adicación e inversión pública e persoal que foi necesaria para formar ao responsable da biblioteca. Consideramos moi importante que a persoa que estea a cargo da mesma teña unha continuidade na súa labor. Temos a sensación de que, neste caso, non se fixo o suficiente para que isto fose así.
Atentamente,
O grupo de apoio da Biblioteca do IES de Foz

jueves, 2 de junio de 2011

ATAQUE ÁS BIBLIOTECAS ESCOLARES

Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:

A insoportable levedade das bibliotecas escolares galegas

Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos, esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.

Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?.

viernes, 20 de mayo de 2011

Traballo de investigación.


Enlazamos este interesante traballo de investigación cos fondos da biblioteca elaborado polos alumnos de 4º PDC dirixidos polo profesor de Tecnoloxía Manuel Abuín. Accede na imaxe.

miércoles, 13 de abril de 2011

viernes, 18 de marzo de 2011

Xapón

jueves, 3 de marzo de 2011

jueves, 24 de febrero de 2011

Campionato de xadrez



Campionato de Xadrez
Participantes

Manuel Sanjurjo Rodríguez 3º ESO B
Uxío Fernández Corbelle 1º ESO B
Xabi Doural García 1º ESO A
Nathaniel Gordon Vivero 1º ESO B
Martín González Fiallega 2º BAC A
Gabriel Ponce Otero 4º ESO B
Gabriel Freire Martínez 3º ESO A
Álvaro Vilar Fernández 1º ESO B
Marco Braña Bellón 1º ESO A
Alvaro Moreda Linares 4º ESO B


NORMAS DO TORNEO

• Enfróntanse todos os xogadores entre si en partidas de ida e volta nas que se intercambia a cor das pezas (unha con pezas brancas e outra con negras). A tal efecto indicarase nun recadro a orde dos enfrontamentos.
• A victoria vale 1 punto, a derrota 0 puntos e en caso de táboas (empate) leva 0,5 puntos cada xogador.
• Os xogadores deben coñecer as regras de xogo. En caso de dúbidas preguntar aos responsables da actividade (podedes preguntarlle a Jesús Vázquez Méndez).
• Un vez feito un movemento non se pode volver atrás (retroceder).
• As partidas durarán 25 minutos. Se ao cumprirse o tempo non hai ningún gañador considérase que a partida rematou en táboas.
• En caso de que ao final haxa dous ou máis xogadores empatados a puntos haberá un desempate entre eles, a unha soa partida e sorteando a cor das pezas.

Amor en oito linguas

Gracias a todos pola vosa colaboración. O recital resultou fabuloso.

lunes, 14 de febrero de 2011

viernes, 21 de enero de 2011

MÚSICAS DO MUNDO


Este ano a actividade de música nos recreos está adicada ás músicas do mundo. Comezamos por Galicia, seguimos pola península e lanzámonos a todos os conr¡tinentes.
Non vola perdades. Hoxe toca Andalucía.
Todos os venres no recreo.