lunes, 2 de diciembre de 2019

25 de novembro- Día contra a Violencia de Xénero

      Este ano as persoas encargadas da biblioteca desenvolvemos algunhas actividades polo 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. 



     Desta maneira, no recreo puxéronse en marcha unhas accións relacionadas con esta data, entre elas, empapelar a entrada con cartolinas e papeis negros cos que se simbolizou o ambiente negativo que se crea nestes contextos e a repudia cara os mesmos.
     Tendo en conta o traballo feito na titoría,  o alumnado elaborou unhas cartolinas amosando a súa visión negativa sobre a violencia de xénero. Alén disto, tamén viñemos vestidos de negro.

     Para finalizar, proxectouse un vídeo "Deámoslles voz"  feito polo alumnado do IES Isaac Díaz Pardo de Sada que visibiliza a violencia doméstica e as relacións tóxicas.

lunes, 28 de octubre de 2019

Presentación da biblioteca

     medio ambiente.


Este luns  o alumnado de 2º da ESO de reforzo de galego encargouse de desenvolver  a presentación da biblioteca ás alumnas e alumnos  de 1º da ESO. Como usuarias frecuentes, explicáronlles  de forma amena como se distribúen  os espacios da mesma, o funcionamento e as normas desta, así como referiron o tema deste curso da biblio: o medio ambiente.


Para o alumnado do IES de FOZ é moi importante evitar o aumento da contaminación medio ambiental, por iso puxeron en  marcha unha actividade que consistiu en elaborar uns faroliños nos que o novo alumnado de escribise  unha frase na que sinalase accións diarias coas que axudar a vivir nun mundo máis limpo. A presentación rematou cunha canción que explicaba como se debían reciclar os residuos.

lunes, 7 de octubre de 2019

O alumnado de 4º da ESO gañador do OUFF para centros escolares!

A semana pasado parte do alumnado de 4º da ESO achegouse á entrega de premios do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF). Alí puideron saber que foron as persoas gañadoras do premio Blanco Amor ao mellor guión!! Mans salgadas, documental que fala do pasado vinculado ao mar e á recolección de algas de Foz, conseguiu engaiolar ao xurado do festival.
O traballo levado a cabo durante o curso pasado tivo o seu froito, como puideron comprobar alumnas e alumnos como Iria, Carla, Manuel, Marta, Rosa, Eva, Uxía e Carla. 
Desta maneira, temos claro que no noso centro hai persoas con moito potencial e cun futuro prometedor no ámbito do audiovisual.


Moitos parabéns a todas elas!!


martes, 4 de junio de 2019

Gañador@s do Certame Xosé Mosquera!

Estamos moi content@s porque o alumnado de 1º da ESO do IES de Foz gañou o I Certame Escolar Internacional de Podcats en galego Xosé Mosquera. Dito premio, que foi entregado no Museo do Pobo galego, é organizado pola Consellería de Cultura e Turismo e o IES Rosalía de Castro en colaboración con Arraianos Producións e apoiado polas fundacións Antonio Fraguas Fraguas e Rosalía de Castro, a RAG, o colectivo Ponte… nas Ondas!, a Radio Galega e a Escola Superior de Arte e Deseño Mestre Mateo.

O proxecto gañador creado polo noso alumnado, Antón Fraguas en directo, é unha iniciativa que parte dos alumnos de 1º da ESO que forman parte do Club de lectura do IES de Foz coordinado por Jesús García Cortázar e Manuel Abuín Neira.
Os alumnos teñen ideado unha entrevista radiofónica ficticia conducida por Antón Fraguas - sempre atento ás diversas manifestacións da cultura galega en diversos eidos, especialmente no antropolóxico - e os seus informantes, xentes do pobo, coñecedoras dos usos e costumes do ámbito rural. O contexto non é, porén, completamente ficticio: Antón Fraguas foi, efectivamente, dende o ano 1933, un dos primeiros locutores de continuidade dos estudios compostelanos de Unión Radio, situados na Praza da Universidade 5, 1º. As respostas dos entrevistados están baseadas na obra do propio Fraguas, que os alumnos reelaboraron con fantasía:
  • Manuela e Isolina; Orosia e Silveira: diálogo baseado en Brujas y brujeríos. Meigas y meigallos, en La Galicia insólita.
  • Ramón e Benito: intervencións baseadas en Los animales en el folklore. El lagarto, en La Galicia insólita.
  • Carme e Otilia: diálogo baseado en Ciencias encol das bruxas, artigo de Antón Fraguas para a revista NÓS (nº 96, Tomo 8, 15 de Nadal de 1931).
  • Trabalinguas proposto polo Vello dos contos: recollido por Antón Fraguas na revista NÓS (Do folklore de Armeses-Listanco; Maside; nº 96, 15 de Nadal de 1931).
A figura do popular Xosé Mosquera Pérez, O vello dos contos, pecha a entrevista.

Moitos parabéns para o alumnado de 1º da ESO!!!





miércoles, 22 de mayo de 2019

Correlingua 2019


Un ano máis, o Correlingua chega á Mariña!


Nesta ocasión, foi o concello de Ribadeo o que acolleu a todas as rapazas e rapaces que bailaron, correron e cantaron en prol da normalización do galego.
Partindo do lema "O galego é a fórmula" case dous mil escolares percorreron as rúas da vila desde a Illa Pancha ao Cantón dos Moreno para demostrar que é posible vivir con total normalidade no noso idioma. Do IES de Foz asistiu o alumnado de 1º, 2º da ESO e da Aula Específica.
Rematada a carreira, o alumnado de Primaria e Infantil disfrutou da actuación de Paco Nogueiras, mentres as rapazas e rapaces de Secundaria escoitamos e bailamos con Pauliña.


O Correlingua, actividade en colaboración cos centros educativos, leva máis de dezaoito anos a difundir a cultura en galego, a percorrer cada ano 12 concellos nos que poder xuntarse para coñecer as múltiples posibilidades da nosa lingua, así como a novas compañeiras e compañeiros.



viernes, 12 de abril de 2019

Excursión a Mondoñedo!


        O pasado martes, día 9 de abril, as persoas colaboradoras da biblioteca do instituto visitamos Mondoñedo, como agradecemento pola axuda durante o curso. Fomos algunhas persoas de 1º, 2º e 3º de ESO e fixemos unha serie de actividades.





     Primeiro visitamos o "Alfar os Muiños", onde todos os grupos puideron realizar distintas actividades con cerámica e utilizar o torno. Despois fomos ao seminario de Mondoñedo onde coñecemos polo miúdo a biblioteca. Nela puideromos ver libros moi importantes e vellos, como a 1ª ed. dic. de galego de Marcial Valladares e unha biblia políglota. Logo, tivemos media hora libre para recargar enerxias pola zona da plaza. E por último, visitamos o cemiterio municipal, que poidemos comprobar que se dividía en 3 partes (a parte de abaixo para os pobres, a do medio para a clase media e a de arriba para a xente rica). A través de xogos de pistas descubrimos a tumba de Álvaro Cunqueiro, Pascual Veiga e Manuel Leiras Pulpeiro.

lunes, 1 de abril de 2019

Comeza o concurso de receitas!

         Para representar no gastronómico a pluralidade cultural do alumnado de Hostalaría do IES de Foz, e promovendo asemade o uso do noso idioma, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega e o Departamento de Hostalaría poñen en marcha un ano máis o "Concurso de receitas en galego". E este ano o alimento estrela serán... os chícaros ou berberechos!!



      Parte do alumnado non é da vila ou procede doutros países, de maneira que a participación nesta actividade intercultural pode enriquecer a preparación do produto coa pegada da súa cultura, nunha especie de mestizaxe culinaria.

         A continuación, referimos as bases do mesmo. Animádevos a participar! 

 BASES

 1. Pode participar calquera alumno ou alumna de todos os ciclos formativos de Hostalaría (inclúese FP Básica de Cociña) do IES de Foz.

 2. As receitas irán acompañadas dunha breve introdución (arredor de 100 palabras), froito do traballo de investigación do/a participante,sobre o produto base, o chícaro (descrición, hábitat...) e deben cumprir as características dos textos instrutivos en canto á forma e ao contido, polo que incluirán o nome da receita, os ingredientes e cantidades empregados e os diferentes pasos na elaboración.

 3. Cada receita debe incorporar como produto básico o chícaro, do que se facilitarán arredor de 400 g por persoa para elaborar o prato.

 4. O valor do acompañamento non superará o valor do xénero principal, os chícaros, estimado nuns 3 ou 4 euros.

 5. O idioma empregado nos textos debe ser o galego.  

6. A presentación dos textos das receitas ten que seguir as pautas acordadas polo grupo de traballo TIL (Tratamento Integrado de Linguas) que aparecen publicadas no blog (achavedaslinguas). 

7. Cada participante pode presentar unicamente unha receita. Os textos acompañaranse dun sobre pechado dentro do cal deben figurar os datos persoais e o nome da receita.   

8. O prazo de presentación de receitas comeza o día 28 de marzo e remata o 24 de abril.

 9. A fase práctica, para que o xurado valore as receitas previamente seleccionadas, contará cun tempo máximo de elaboración de hora e cuarto e realizarase o día 7 ou 8 de maio de 2019. Para calquera consulta, pódese falar co profesorado implicado (Sindo). 

 10. Os autores das receitas mellor valoradas polo xurado, composto por profesorado de Hostalaría, de Lingua Galega e do EDLG, serán premiados con diverso material ou roupa de cociña. Haberá un só premio se o número de participantes non chega a dez e serán dous os premios se se supera esa cifra. Ademais, os textos publicaranse na páxina web do centro. 

11. A decisión do xurado será inapelable.  

12. A participación neste concurso supón a aceptación das presentes bases. 

martes, 26 de marzo de 2019

Visita de Santiago Lopo

     Este luns Santiago Lopo achegouse ao noso instituto para falar do seu libro A arte de trobar. Con esta obra gañou un dos premios máis importantes da literatura galega: o Premio Xerais de Novela no ano 2017.
    Autor de outras novelas como Game Over (2007), Peaxes (2009) ou A diagonal dos tolos (2014), entre outras, achegounos á súa particular visión do feito literario e do seu proceso de creación.


     Como persoas que levamos este blog, puidemos achegarnos máis á súa obra, reflexionando xunto co alumnado de 1º de Bacharelato sobre esta novela ambientada na Idade Media. Foron moitas as preguntas que se fixeron e os comentarios que se realizaron, o que nos fai supoñer que o libro deu que falar.

     A continuación, como mostra destas conversas, referimos algunhas preguntas dunha entrevista que lle fixo o alumnado de 1º de Bacharelato.



Concurso de recitado Rosalía e Castelao


      A semana pasada fixéronse públicas as persoas gañadoras dos premios do concurso de recitado do instituto. Esta actividade que forma parte do certame "Rosalía sempre viva" da Casa-Museo Manuel María. 





   @s gañador@s, Jacobo Gayoso e Helena Celada, fixeron renacer dous dos poemas da autora iriense e do autor de Outeiro de Rei. Tamén serán el@s as que representen ao instituto na segunda fase o día 6 de abril, competindo co resto de alumnado dos demais centros galegos.


Grazas a tod@s pola vosa participación e moita sorte na fase final!!!


jueves, 7 de febrero de 2019

Xaneiro,mes de Castelao

       Como proposta do equipo da biblioteca, o mes de xaneiro nas aulas do IES DE FOZ coñoceremos mellor unha persoa moi importante para o pobo galego: Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

      Trataremos en cada aula o transcurso vital, político e literario dun dos principais referentes da nosa sociedade. Ainda que podería tratárse en calquera mes do ano,escollemos este porque a sua morte foi o 7 de xaneiro de 1950.

      A continuación, mostrámosvos algunhas fotos que refiren o tratamento deste autor nas aulas.