O certo é que temos moita sorte. Unha das librarías máis antigas da nosa provinciaé a Libraría Bahía, e témola en Foz! Está a celebrar 50 anos e por esa razón nós, os colaboradores da biblioteca escolar, quixemos celebralo con eles.
Xa sabedes que fomos mercar libros alí pero, ademáis, pasamos un rato moi agradable con Cielo, a súa propietaria, facéndolle unha pequena entrevista para así coñecer mellor a súa historia.
Como o fin das clases chegou de puntillas, sen case darnos conta, non puidemos poñela por escrito pero queremos compartir con vós algo do que alí se falou.
Soupemos que a ubicación actual non foi a primeira xa que cambiaron de local fai uns dez anos, e agora é un único espazo onde convive a libraría Bahía e a xoguetería Din y Don. Esta combinación de negocio permite que o negocio sexa rentable de xeito que se poida vivir del.
Tamén soupemos que Cielo e Miguel son a segunda xeración, xa que Suso e Marita, os pais de Cielo e pais da libraría xubilaronse deixandoa en mans da súa filla que adora os libros. E foi precísamente destes, dos libros, do que máis falamos. Eles apostan pola literatura menos comercial e seguramente máis interesante, do poder das grandes editoriais para guiarnos a comprar o que eles queren e como nós debemos ser conscientes diso, propoñen ler "a contracorrente" e sobre todo, apostan pola literatura e a cultura galega en xeral. Falamos da situación do galego e da nosa responsabilidade para que non se perda. Por esta razón fan obradoiros con nenos, sempre hai música de autores galegos de fondo na tenda, non queren ser unha tenda de libros, senón unha libraría viva.
O certo é que foi unha media hora de conversación tranquila, sincera e da que disfrutamos todos.
Moitas grazas, Cielo, por estar sempre disponible para o que necesitamos cun sorriso.