lunes, 1 de abril de 2019

Comeza o concurso de receitas!

         Para representar no gastronómico a pluralidade cultural do alumnado de Hostalaría do IES de Foz, e promovendo asemade o uso do noso idioma, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega e o Departamento de Hostalaría poñen en marcha un ano máis o "Concurso de receitas en galego". E este ano o alimento estrela serán... os chícaros ou berberechos!!



      Parte do alumnado non é da vila ou procede doutros países, de maneira que a participación nesta actividade intercultural pode enriquecer a preparación do produto coa pegada da súa cultura, nunha especie de mestizaxe culinaria.

         A continuación, referimos as bases do mesmo. Animádevos a participar! 

 BASES

 1. Pode participar calquera alumno ou alumna de todos os ciclos formativos de Hostalaría (inclúese FP Básica de Cociña) do IES de Foz.

 2. As receitas irán acompañadas dunha breve introdución (arredor de 100 palabras), froito do traballo de investigación do/a participante,sobre o produto base, o chícaro (descrición, hábitat...) e deben cumprir as características dos textos instrutivos en canto á forma e ao contido, polo que incluirán o nome da receita, os ingredientes e cantidades empregados e os diferentes pasos na elaboración.

 3. Cada receita debe incorporar como produto básico o chícaro, do que se facilitarán arredor de 400 g por persoa para elaborar o prato.

 4. O valor do acompañamento non superará o valor do xénero principal, os chícaros, estimado nuns 3 ou 4 euros.

 5. O idioma empregado nos textos debe ser o galego.  

6. A presentación dos textos das receitas ten que seguir as pautas acordadas polo grupo de traballo TIL (Tratamento Integrado de Linguas) que aparecen publicadas no blog (achavedaslinguas). 

7. Cada participante pode presentar unicamente unha receita. Os textos acompañaranse dun sobre pechado dentro do cal deben figurar os datos persoais e o nome da receita.   

8. O prazo de presentación de receitas comeza o día 28 de marzo e remata o 24 de abril.

 9. A fase práctica, para que o xurado valore as receitas previamente seleccionadas, contará cun tempo máximo de elaboración de hora e cuarto e realizarase o día 7 ou 8 de maio de 2019. Para calquera consulta, pódese falar co profesorado implicado (Sindo). 

 10. Os autores das receitas mellor valoradas polo xurado, composto por profesorado de Hostalaría, de Lingua Galega e do EDLG, serán premiados con diverso material ou roupa de cociña. Haberá un só premio se o número de participantes non chega a dez e serán dous os premios se se supera esa cifra. Ademais, os textos publicaranse na páxina web do centro. 

11. A decisión do xurado será inapelable.  

12. A participación neste concurso supón a aceptación das presentes bases. 

No hay comentarios: