viernes, 7 de octubre de 2011

Escrito enviado á inspección educativa

O grupo de apoio da biblioteca do IES de Foz quere expresar a súa sorpresa e malestar ante o feito de que a inspección educativa non facilitase a continuidade no seu cargo do responsable da nosa biblioteca escolar.
Ante esta situación queremos facer as seguintes consideracións:
• A Biblioteca do IES de Foz pasou de ser un mero almacén de libros a converterse nun referente para a vida educativa do centro tanto nas actividades lectivas como extraescolares. Neste senso foi fundamental a inclusión da biblioteca escolar no PLAMBE (Plan de mellora de biblioteca escolares) no que participamos dende o ano 2006.
• Moitas das iniciativas que xorden nos distintos ámbitos didácticos (distintos departamentos, dinamización lingüística, proxectos europeos,…) teñen como centro a biblioteca.
• Isto foi posible polo empeño, traballo, e esforzo da persoa que coordinou a biblioteca durante os sete últimos anos e que conseguiu crear un grupo de apoio formado por profesores dos distintos departamentos que traballa fóra do horario escolar e que realiza unha labor efectiva e real sen esperar máis compensación que mellorar a formación do noso alumnado.
• Cremos que non se valorou dabondo o traballo, adicación e inversión pública e persoal que foi necesaria para formar ao responsable da biblioteca. Consideramos moi importante que a persoa que estea a cargo da mesma teña unha continuidade na súa labor. Temos a sensación de que, neste caso, non se fixo o suficiente para que isto fose así.
Atentamente,
O grupo de apoio da Biblioteca do IES de Foz