miércoles, 17 de enero de 2024

Os textos gañadores do Certame de Microrrelatos afondan no medo, na empatía e nos sentimentos dun adolescente inmigrante

Os alumnos Carmen Ballesteros Colino, Fernando A. León Cosme e Iago Balseiro Parga son os novos gañadores do Certame de Microrrelatos do IES de Foz. Os seus textos sobre as emocións resultaron galardoados nas dúas categorías do certame. Así, Fernando A. Léon Cosme, de 3º de ESO A, fíxose co primeiro premio do segundo ciclo de secundaria, bacharelato e FPB coa súa obra Relatos dun adolescente inmigrante, mentres que Carmen Ballesteros Colino, de 1º de ESO B, acadou o primeiro premio do primeiro ciclo da ESO co texto titulado ¿A qué le tienes miedo? Ademais, o xurado do certame, formado polo alumnado colaborador da biblioteca, tamén lle concedeu o segundo premio desta categoría a Iago Balseiro Parga, de 1º de ESO A, pola obra Empatía

Os gañadores recibirán cadanseu premio o xoves 18 de xaneiro na biblioteca, ás 11:45 horas. Moitos parabéns aos premiados e grazas a todas as persoas que participaron nesta iniciativa, que busca promover a escrita creativa entre a mocidade.

jueves, 11 de enero de 2024

Marchando unha de novidades!

Desde a Biblioteca, queremos que comeces o ano da mellor maneira, por iso as nosas colaboradoras e colaboradores prepararon unha selección de novidades repleta de propostas saborosas para todos os padais. Neste menú, non faltan os manuais de xadrez, que de seguro farán as delicias do alumnado que participa no próximo campionato deste xogo, así como propostas para os máis curiosos e curiosas que fusionan ciencia e cociña, como La física de las palomitas.
Outras das obras seleccionadas propoñen unha viaxe ao pasado, tanto á Grecia clásica, da man dos mitos e lendas de Anisia Miranda, como ás orixes da especie humana, a través do documental La odisea de la especie. As viaxes tamén están moi presentes no último número do xornal da xente miúda O Papagaio, que achega os máis novos á obra A volta ao mundo en 80 días, de Jules Verne, ademais de a persoeiros destacados da historia, como o arquitecto Antoni Gaudí ou o físico Isaac Newton. Outras figuras clave, neste caso do ámbito das letras, son as protagonistas da banda deseñada Cuatro poetas en guerra, que xira arredor dos autores Antonio Machado, Federico García Lorca, Manuel Hernández e Juan Ramón Jiménez. E tamén a través do cómic nos chegan as entretidas aventuras de series de anime como Dragon Ball ou Denon Slayer, que son outras das apetitosas propostas que te agardan na biblioteca para comezar o ano da mellor maneira: lendo!