jueves, 11 de enero de 2024

Marchando unha de novidades!

Desde a Biblioteca, queremos que comeces o ano da mellor maneira, por iso as nosas colaboradoras e colaboradores prepararon unha selección de novidades repleta de propostas saborosas para todos os padais. Neste menú, non faltan os manuais de xadrez, que de seguro farán as delicias do alumnado que participa no próximo campionato deste xogo, así como propostas para os máis curiosos e curiosas que fusionan ciencia e cociña, como La física de las palomitas.
Outras das obras seleccionadas propoñen unha viaxe ao pasado, tanto á Grecia clásica, da man dos mitos e lendas de Anisia Miranda, como ás orixes da especie humana, a través do documental La odisea de la especie. As viaxes tamén están moi presentes no último número do xornal da xente miúda O Papagaio, que achega os máis novos á obra A volta ao mundo en 80 días, de Jules Verne, ademais de a persoeiros destacados da historia, como o arquitecto Antoni Gaudí ou o físico Isaac Newton. Outras figuras clave, neste caso do ámbito das letras, son as protagonistas da banda deseñada Cuatro poetas en guerra, que xira arredor dos autores Antonio Machado, Federico García Lorca, Manuel Hernández e Juan Ramón Jiménez. E tamén a través do cómic nos chegan as entretidas aventuras de series de anime como Dragon Ball ou Denon Slayer, que son outras das apetitosas propostas que te agardan na biblioteca para comezar o ano da mellor maneira: lendo!

No hay comentarios: