martes, 4 de junio de 2019

Gañador@s do Certame Xosé Mosquera!

Estamos moi content@s porque o alumnado de 1º da ESO do IES de Foz gañou o I Certame Escolar Internacional de Podcats en galego Xosé Mosquera. Dito premio, que foi entregado no Museo do Pobo galego, é organizado pola Consellería de Cultura e Turismo e o IES Rosalía de Castro en colaboración con Arraianos Producións e apoiado polas fundacións Antonio Fraguas Fraguas e Rosalía de Castro, a RAG, o colectivo Ponte… nas Ondas!, a Radio Galega e a Escola Superior de Arte e Deseño Mestre Mateo.

O proxecto gañador creado polo noso alumnado, Antón Fraguas en directo, é unha iniciativa que parte dos alumnos de 1º da ESO que forman parte do Club de lectura do IES de Foz coordinado por Jesús García Cortázar e Manuel Abuín Neira.
Os alumnos teñen ideado unha entrevista radiofónica ficticia conducida por Antón Fraguas - sempre atento ás diversas manifestacións da cultura galega en diversos eidos, especialmente no antropolóxico - e os seus informantes, xentes do pobo, coñecedoras dos usos e costumes do ámbito rural. O contexto non é, porén, completamente ficticio: Antón Fraguas foi, efectivamente, dende o ano 1933, un dos primeiros locutores de continuidade dos estudios compostelanos de Unión Radio, situados na Praza da Universidade 5, 1º. As respostas dos entrevistados están baseadas na obra do propio Fraguas, que os alumnos reelaboraron con fantasía:
  • Manuela e Isolina; Orosia e Silveira: diálogo baseado en Brujas y brujeríos. Meigas y meigallos, en La Galicia insólita.
  • Ramón e Benito: intervencións baseadas en Los animales en el folklore. El lagarto, en La Galicia insólita.
  • Carme e Otilia: diálogo baseado en Ciencias encol das bruxas, artigo de Antón Fraguas para a revista NÓS (nº 96, Tomo 8, 15 de Nadal de 1931).
  • Trabalinguas proposto polo Vello dos contos: recollido por Antón Fraguas na revista NÓS (Do folklore de Armeses-Listanco; Maside; nº 96, 15 de Nadal de 1931).
A figura do popular Xosé Mosquera Pérez, O vello dos contos, pecha a entrevista.

Moitos parabéns para o alumnado de 1º da ESO!!!