miércoles, 25 de octubre de 2017

Concurso literario do día da tolerancia



CONCURSO LITERARIO DE RELATO CURTO
da biblioteca do IES DE Foz polo Día Internacional da Tolerancia (16 de novembro)

En 1996 a asemblea xeral da ONU estableceu o día 16 de novembro como Día Internacional da Tolerancia. A Declaración afirma, entre outras cousas, que a tolerancia é o respecto e o saber apreciar a riqueza e variedade das culturas do mundo e as distintas formas de expresión dos seres humanos. A tolerancia recoñece os dereitos humanos universais e as liberdades fundamentais dos outros. Só a tolerancia pode asegurar a supervivencia de comunidades mixtas en cada rexión do mundo.
Coa finalidade de conmemorar esta data e de promover o valor da tolerancia entre o o alumnado deste centro convocamos o presente concurso de narrativa breve.
BASES:

1.Categorías:
Establécense dúas categorías .
Categoría 1: poderá participar nesta categoría todo o alumnado da ESO e da FP Básica no ano académico 2017-2018.
Categoría 2: poderá participar nesta categoría todo o alumnado do Bacharelato no ano académico 2017-2018.


2.Tipos de obras:
Os participantes terán que entregar un relato curto en lingua galega escrito por eles, cunha extensión máxima dunha cara. O relato terá que estar relacionado coa temática da tolerancia ou da intolerancia.
Deben ser relatos curtos totalmente orixinais (non se aceptan versións de relatos xa existentes).
Valorase a orixinalidade, a limpeza na presentación e que estea escrito sen faltas de ortografía .


3.Presentación dos traballos:
Os traballos pódense entregar escritos á man ou a ordenador. Seguiranse as normas de presentación establecidas a comezo de curso para todos os traballos de linguas.
O autor ou autora escribirá a lapis o seu nome, apelidos e clase pola cara traseira do relato.


4 Datas de entrega:
As datas de entrega dos traballos van do día 30 de outubro ao 10 de novembro, ambos días incluídos.


5 Lugar de entrega:
Os traballos deberán depositarse nos “buzóns” (caixas de correo) situados para a categoría 1 ao lado da clase de 2ºA e, para a categoría 2, diante do despacho do secretario (edificio A).
Os “buzóns” colocaranse a partir do luns 30 de outubro.

5 Premios:
Primeiros premios (das categorías 1 e 2): un pen drive de 8 GB e un libro.
Segundos premios (das categorías 1 e 2): un pen drive de 8 GB.
Terceiros premios (das categorías 1 e 2): un libro.


6 Xurado
Comporán o xurado José María González Rivas, Alejandro Cao Arnaú, Patrick Santos Rodríguez, Denisse López Piquero, Martín Marrube, Roi Rodríguez Cagiao e unha persoa do Departamento de Lingua Galega.

7 Data de entrega de premios
Os premios entregaranse no recreo o día 16 de novembro na biblioteca do IES DE FOZ.

No hay comentarios: