viernes, 28 de junio de 2013

Un contacontos xenial

Non se pode inaugurar esta crónica sen aplaudir o duro traballo levado a cabo por
autores como Xosé Miranda e outros máis que defenden a cultura e literatura
galega día a día.
 Trataremos aquí dous aspectos relevantes: o libro de Xosé Miranda As mans do
medo e a opinión persoal sobre o que nos reflectiu o escritor durante a súa visita
ao centro.
 Respecto ao libro, desgraciadamente non tivo demasiado éxito, pois a crítica máis
común citada foi a falta de interrelación entre os relatos. Ademais, non sempre o
lector capta con facilidade as emocións que o autor desexaba transmitir, a duración
dos relatos non é equitativa e nalgúns casos emprega un léxico algo complexo.
Deixando á parte a súa obra, pasemos á nosa opinión sobre o autor.
 Xosé Miranda cumpriu perfectamente coas expectativas e soubo entreter o público
con éxito. Na súa charla, a cal foi moi amena, expuxo a súa obra e as súas
vivencias como escritor. Explicounos como comezou no mundo da literatura,
segundo el ós 3 anos. Contounos, de forma moi entretida, os proxectos que estaba
levando a cabo xunto con moitos outros autores para recopilar a tradición oral
galega. Comentou como era complicadísima a recopilación de relatos orais, pois
sobre un mesmo relato había que engadir a enorme cantidade de variacións existentes. Unha vez expostos todos os seus propósitos, procedeu a contarnos
tres contos marabillosos, os cales foron moi entretidos debido ó emprego dun léxico coloquial e á claridade coa que falaba, ademais de saber xesticular.
 Para rematar esta crónica, cómpre engadir que Xosé Miranda é un contacontos xenial, unha persoa moi afable e simpática á cal animamos para que continúe coa escritura de libros en galego.

Uxío, Javi e Xabi, alumnos de 3º de ESO do IES de Foz

No hay comentarios: