martes, 10 de diciembre de 2024

No Día dos Dereitos Humanos

No Día dos Dereitos Humanos, reivindicamos a lectura para avanzar cara a un mundo sen discriminacións, máis xusto, máis pacífico e máis sostible. Facémolo coa proposta de dúas obras que están dispoñibles na biblioteca: Usha, de María Reimóndez, e Persépole, de Marjane Satrapi. 

 


martes, 26 de noviembre de 2024

A chave das noces busca mascota!


Se es unha persoa creativa e tamén, alumna ou alumno do IES de Foz, temos un concurso para ti. Deseña unha mascota para a biblioteca, ponlle nome e explica o que representa. 

Anímate a participar! Tes ata o 20 de decembro e recorda que haberá premios para as dúas mellores propostas. 






lunes, 25 de noviembre de 2024

Lecturas para o 25N


Mulleres que (nos) dan que pensar, de África López Souto; El silencio de las mujeres, de Pat Barker; Rosalía feminista, de Helena González Fernández; Calladita estás más guapa, de Carme Chaparro, ou Basta! Guía de autodefensa feminista para adolestes (e máis)..., de Marion Le Muzic e María Maeso. Escolle a túa lectura e mergúllate na conmemoración do 25N. 

Por un mundo sen violencia contra as mulleres. 

jueves, 31 de octubre de 2024

Feliz Día da Lectura!


Calquera momento é perfecto para lle dedicar á lectura, pero o 3 de novembro é a data na que Galicia celebra o seu día. Esta escolla vén motivada polo aniversario do nacemento dun dos máis senlleiros escritores das letras de noso, Xosé Neira Vilas, que chegaba ao mundo no municipio pontevedrés de Vila de Cruces polo ano 1928. 

Na biblio pódeste achegar a algunhas das obras máis significativas deste autor para celebrar o Día da Lectura ou megurllarte nalgunha das numerosas propostas literarias que atoparás nos nosos andeis. Porque calquera libro é perfecto para festexarmos esta data!

martes, 29 de octubre de 2024

Unha celebración de medo!


Samaín, Dia das Brujas, Halloween... Esta celebración internacional chega á biblioteca cun altar de mortos con escritores e escritoras de medo, unha mostra bibliográfica terrorífica, locucións radiofónicas que asustan (podes escoitalas aquí) ou recomendacións lectoras en varias linguas que dan pavor.

Estas son algunhas das iniciativas que se promoveron desde a biblioteca arredor da data do 31 de outubro e que contaron coa axuda imprescindible do alumnado voluntario. Elas e eles participaron na creación dun escenario repleto de iconografía propia desta festa, para animar a gozar dunha noite meiga!














jueves, 24 de octubre de 2024

Por un futuro sostible


Sabías que o 24 de outubro se celebra o Día das Bibliotecas? 

O lema deste ano, "Por un futuro sostible", pon de relevo a importancia das bibliotecas —públicas, escolares, universitarias, especializadas e nacionais/rexionais— no avance cara aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible propostos na Axenda 2030.

Mediante as súas coleccións, os servizos que ofrecen e as actividades que realizan para os seus usuarios, as bibliotecas promoven unha sociedade mellor informada e máis inclusiva, baseada na equidade, a solidariedade e a xustiza. O seu labor impulsa tamén unha conciencia colectiva sobre a urxencia de adoptar prácticas de vida sostibles, en beneficio das xeracións vindeiras.

Desde o IES de Foz sumámonos a esta celebración e convidámoste a achegarte á nosa biblioteca para redescubrir todo o que che ofrece. Aquí atoparás un lugar para soñar, aprender, desfrutar e desconectar; un espazo aberto a todos e todas, onde sempre encontrarás unha historia para ti. 






miércoles, 9 de octubre de 2024

Libros para coidar a nosa mente

 


Co gallo do Día da Saúde Mental, que se conmemora o 10 de outubro, a biblioteca ofrece unha selección de libros que poñen o foco neste tema, así como uns cantos consellos que nos poden axudar a coidar a nosa mente. Porque é fundamental para o noso benestar!