lunes, 17 de febrero de 2025

Quinta semana e quinta pista para "dar no cravo"!


"Substantivo referido á escasa ou nula gana de traballar". Esta é a nova pista do concurso Dar no cravo! 

Pon a cabeza a funcionar e pasa pola biblioteca coas túas propostas. 

Moita sorte!


martes, 28 de enero de 2025

A "arma" da lectura: libros pola paz


Con motivo do Día da Paz, que se conmemora o 30 de xaneiro, a biblioteca A Chave das Noces propón unha serie de obras que poñen en valor a necesidade de combater a violencia, de acabar coas guerras e de promover a convivencia pacífica nun mundo máis xusto, onde se respecten os dereitos humanos. 

As propostas literarias arredor desta data, que coincide co aniversario do asasinato do célebre pacifista Mahatma Gandhi, acompáñanse de mensaxes elaboradas polos voluntarios e voluntarias da biblioteca, coas que expresan diversos desexos a prol da paz. 




viernes, 24 de enero de 2025

Hai moito fato...

 

... E iso, ás veces, é moi bo! Sobre todo cando se trata dos 35 acertos acadados na semana de apertura do concurso "Dar no cravo". Porque "fato/a" é xustamente a resposta que buscabamos para a primeira definición desta iniciativa coa que a biblioteca A Chave das Noces quere poñer en valor o léxico da Mariña lucense.

Outro dos obxectivos do concurso é que o alumnado esprema os miolos na procura da palabra exacta para cada definición. Así que, parabéns ás persoas que deron no cravo e grazas ao conxunto dos máis de 70 alumnos e alumnas que participaron coas súas respostas. 

Desa variedade de propostas recibidas nace un novo premio do concurso, desta volta, para a resposta menos acertada. Trátase do "Vaite chino", que está inspirado no certame "Cuidao con Tkachenko", do CB Celtas Foz. "Miñaxoia", "sandeu" e "petardez" son algunhas das palabras candidatas. 😉



O próximo luns, 27 de febreiro, atentas e atentos á nova pista do concurso. 

Moita sorte!

lunes, 20 de enero de 2025

Bota a andar "Dar no cravo"!




'Calidade referida a unha persoa pouco intelixente'

Esta é a primeira definición de "Dar no cravo", o concurso da biblioteca A Chave das Noces que pon en valor o patrimonio lingüístico da Mariña lucense e mais a capacidade das alumnas e dos alumnos do IES de Foz para atopar as palabras exactas da nosa comarca. 

A iniciativa bota a andar hoxe e, durante 10 semanas, irase ofrecendo unha definición. 

Que tes que facer? Moi sinxelo! Cando teñas a palabra que buscamos, achégate á biblioteca e anótaa nun papel, xunto co teu nome, apelidos e curso. Despois, deposita o papel na caixa do concurso. 

Anímate e participa! Préstalle atención á definición semanal e, se dás no cravo, agarda por ti un máis que merecido premio. 

Moita sorte!

viernes, 20 de diciembre de 2024

Ba Nadal e felices lecturas!

 

O Nadal é unha época chea de momentos especiais para compartir e desfrutar na mellor das compañías, pero tamén para conectar con nós mesmos. Por iso, desde a biblioteca do IES de Foz propoñémosvos unha serie de lecturas coas que gozar no tempo libre. 

A cidade do átomo, de Iria Misa; Tras do ceo, de Manuel Rivas; The London Eye Mystery, de Siobhan Dowd; Un verano en Portugal, de Pablo Gutiérrez; A marca de uma lágrima, de Pedro Bandeira, ou Les téléphoniestes anonymes, de Agnès Desarthe, son algúns dos títulos en galego, portugués, inglés, castelán e francés que podedes atopar nesta escolla dirixida a alumnado da ESO, de bacharelato e tamén ao público adulto. 

Felices festas e felices lecturas!



viernes, 13 de diciembre de 2024

Queridos Reis Magos...

Este Nadal queremos pedirlles aos Reis Magos novas lecturas para a nosa biblioteca!

E, para iso, necesitamos a túa colaboración. Preme aquí e suxírenos, nunha breve enquisa, algúns libros ou outros materiais cos que poidamos enriquecer o noso catálogo. 

Moitas grazas por nos axudares!


martes, 10 de diciembre de 2024

No Día dos Dereitos Humanos

No Día dos Dereitos Humanos, reivindicamos a lectura para avanzar cara a un mundo sen discriminacións, máis xusto, máis pacífico e máis sostible. Facémolo coa proposta de dúas obras que están dispoñibles na biblioteca: Usha, de María Reimóndez, e Persépole, de Marjane Satrapi.