martes, 23 de abril de 2024

Títulos emocionantes


Alegría, desexo, medo, emoción, nostalxia, diversión... As emocións son esta vez as protagonistas do punto de interese da biblioteca do mes de abril. Organizado arredor do Día do Libro, inclúe diversas propostas para deixarnos emocionar a través de grandes voces da literatura, como Rosalía de Castro, Manuel María, Xosé Manuel Méndez Ferrín, Fernando Pessoa, Emilia Pardo Bazán, Edgar Allan Poe ou Gabriel García Márquez. 

Achégate á biblioteca, escolle algunha das obras que están expostas e prepárate para realizar unha emocionante viaxe a través da lectura. 




jueves, 21 de marzo de 2024

Marzo, entre versos, ilustracións e teatro

Marzo non é só o mes que lle dá a benvida á primavera. É tamén a época do ano no que a literatura ten un protagonismo especial, coas celebracións dos días da banda deseñada, da poesía e do teatro. 

O día 21 é a quenda do xénero lírico. Na biblioteca agárdante unha chea de poemarios para emocionarte e gozar coas palabras. Entre as obras que podes levar en préstamo atópanse algúns dos títulos da escritora homenaxeada este ano coas Letras Galegas, Luísa Villalta, como Libro das colunas

Tamén podes descubrir novas historias a través da ilustración, que celebra o seu día cada 17 de marzo. Achégate á mostra que realizamos con obras dalgúns dos máis destacados autores galegos, como o Premio Nacional de Cómic Miguelanxo Prado, Pepe Carreiro, Ana Moreiras ou Alberto Guitián. Tampouco faltan nesta selección clásicos do talle de Tintín, Mafalda, Astérix e Obélix, Zipi e Zape e Mortadelo e Filemón, entre outros, así como series de estilo manga: Noragami, Pokémon, Banana Fish, Jujutsu Kaisen... Aínda hai espazo para adentrármonos na historia da Guerra Civil española ou do nazismo e das súas vítimas, a través da biografía gráfica de Ana Frank. E, se buscas outras propostas, aquí atoparás a lista completa de cómics que estás accesibles na biblioteca. 

Ademais, non perdas a oportunidade de te mergullar no xénero dramático, co gallo do Día do Teatro, o 27 de marzo. Son numerosos os títulos que te agardan para desfrutar deste xénero literario na biblio do IES de Foz.

miércoles, 7 de febrero de 2024

Viva Rosalía!


Febreiro é o mes de Rosalía de Castro, xa que nel se celebra o aniversario do nacemento da nosa escritora máis universal. Por iso, para conmemorar os 187 anos que cumpriría o día 23 a autora de Cantares galegos, animámosvos a que vos acheguedes aos seus versos a través dalgunhas das obras que están dispoñibles na biblio, tanto en formato papel como tamén en CD, cos seus poemas musicados.

Premendo aquí podedes consultar o catálogo da biblioteca para irdes escollendo as propostas que máis vos interesen.

Ademais, recordade que, con motivo das celebracións deste ano arredor da autora, as compras de libro en galego que se realicen ata o 3 de marzo nos negocios adscritos á Federación de Librarías de Galicia teñen como agasallo unha escolma da obra da autora, grazas a unha iniciativa promovida polas fundacións Rosalía de Castro e Xistral. 

Vivan Rosalía e a literatura galega!



viernes, 2 de febrero de 2024

De recitar na biblio a representar o IES de Foz na Casa-Museo Manuel María


Carmela, de 1º da ESO, e Pablo, de 2º da ESO, son os representantes do IES de Foz na nova edición do certame de recitado poético Rosalía sempre Viva, que se celebrará o vindeiro 2 de marzo na Casa-Museo Manuel María (na imaxe, da web da Real Academia Galega), no concello lucense de Outeiro de Rei. 

Os versos dos dous poetas soaron nas voces de Pablo e Carmela nun emotivo recital que tivo lugar na biblioteca do instituto e que lles deu a ambos o pasaporte para a fase final do concurso.

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES de Foz vén organizando a selección do alumnado do centro para participar nun certame que busca promover a expresión oral e a creatividade entre o alumnado non universitario a través dos versos de Rosalía e de Manuel María.

Moita sorte para Carmela e Pablo na final!

miércoles, 17 de enero de 2024

Os textos gañadores do Certame de Microrrelatos afondan no medo, na empatía e nos sentimentos dun adolescente inmigrante

Os alumnos Carmen Ballesteros Colino, Fernando A. León Cosme e Iago Balseiro Parga son os novos gañadores do Certame de Microrrelatos do IES de Foz. Os seus textos sobre as emocións resultaron galardoados nas dúas categorías do certame. Así, Fernando A. Léon Cosme, de 3º de ESO A, fíxose co primeiro premio do segundo ciclo de secundaria, bacharelato e FPB coa súa obra Relatos dun adolescente inmigrante, mentres que Carmen Ballesteros Colino, de 1º de ESO B, acadou o primeiro premio do primeiro ciclo da ESO co texto titulado ¿A qué le tienes miedo? Ademais, o xurado do certame, formado polo alumnado colaborador da biblioteca, tamén lle concedeu o segundo premio desta categoría a Iago Balseiro Parga, de 1º de ESO A, pola obra Empatía

Os gañadores recibirán cadanseu premio o xoves 18 de xaneiro na biblioteca, ás 11:45 horas. Moitos parabéns aos premiados e grazas a todas as persoas que participaron nesta iniciativa, que busca promover a escrita creativa entre a mocidade.

jueves, 11 de enero de 2024

Marchando unha de novidades!

Desde a Biblioteca, queremos que comeces o ano da mellor maneira, por iso as nosas colaboradoras e colaboradores prepararon unha selección de novidades repleta de propostas saborosas para todos os padais. Neste menú, non faltan os manuais de xadrez, que de seguro farán as delicias do alumnado que participa no próximo campionato deste xogo, así como propostas para os máis curiosos e curiosas que fusionan ciencia e cociña, como La física de las palomitas.
Outras das obras seleccionadas propoñen unha viaxe ao pasado, tanto á Grecia clásica, da man dos mitos e lendas de Anisia Miranda, como ás orixes da especie humana, a través do documental La odisea de la especie. As viaxes tamén están moi presentes no último número do xornal da xente miúda O Papagaio, que achega os máis novos á obra A volta ao mundo en 80 días, de Jules Verne, ademais de a persoeiros destacados da historia, como o arquitecto Antoni Gaudí ou o físico Isaac Newton. Outras figuras clave, neste caso do ámbito das letras, son as protagonistas da banda deseñada Cuatro poetas en guerra, que xira arredor dos autores Antonio Machado, Federico García Lorca, Manuel Hernández e Juan Ramón Jiménez. E tamén a través do cómic nos chegan as entretidas aventuras de series de anime como Dragon Ball ou Denon Slayer, que son outras das apetitosas propostas que te agardan na biblioteca para comezar o ano da mellor maneira: lendo!

sábado, 23 de diciembre de 2023

Felices lecturas!

Este Nadal, tes unha chea de propostas para gozar da lectura no tempo teu tempo de lecer. Bótalles unha ollada ás recomendacións que suxire o profesorado do IES de Foz e escolle a obra que máis che interese. Nestas recomendacións non faltan historias de medo e misterio, viaxes a través das xeografías máis singulares do planeta, biografías das nosas pioneiras galegas ou o universo de Harry Potter; unha variada selección na que, de seguro, atoparás lecturas do teu interese. Consulta esta edición especial de Nadal preparada pola docente Lucía Teijeiro e escolle a túa aventura para rematar o ano da mellor maneira. Que teñas unha feliz lectura!