miércoles, 7 de febrero de 2024

Viva Rosalía!


Febreiro é o mes de Rosalía de Castro, xa que nel se celebra o aniversario do nacemento da nosa escritora máis universal. Por iso, para conmemorar os 187 anos que cumpriría o día 23 a autora de Cantares galegos, animámosvos a que vos acheguedes aos seus versos a través dalgunhas das obras que están dispoñibles na biblio, tanto en formato papel como tamén en CD, cos seus poemas musicados.

Premendo aquí podedes consultar o catálogo da biblioteca para irdes escollendo as propostas que máis vos interesen.

Ademais, recordade que, con motivo das celebracións deste ano arredor da autora, as compras de libro en galego que se realicen ata o 3 de marzo nos negocios adscritos á Federación de Librarías de Galicia teñen como agasallo unha escolma da obra da autora, grazas a unha iniciativa promovida polas fundacións Rosalía de Castro e Xistral. 

Vivan Rosalía e a literatura galega!



viernes, 2 de febrero de 2024

De recitar na biblio a representar o IES de Foz na Casa-Museo Manuel María

Carmela, de 1º da ESO, e Pablo, de 2º da ESO, serán os representantes do IES de Foz na nova edición do certame de recitado poético Rosalía sempre Viva, que se celebrará o vindeiro 2 de marzo na Casa-Museo Manuel María, no concello lucense de Outeiro de Rei. 

Os versos dos dous poetas soaron nas voces de Pablo e Carmela nun emotivo recital que tivo lugar na biblioteca e que lles deu a ambos o pasaporte para a fase final do concurso.

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES de Foz vén organizando a selección do alumnado do centro para participar nun certame que busca promover a expresión oral e a creatividade entre o alumnado non universitario a través dos versos de Rosalía e de Manuel María.

Moita sorte para Carmela e Pablo na final!