viernes, 2 de octubre de 2026

 É tempo da Hora de Ler!

Estes últimos días fomos quentando motores. Nas aulas colocáronse uns calendarios coloridos de outubro, novembro e decembro, e viñestes na hora de titoría escoller un libro. Xa estamos listas: o luns 5 de outubro comezamos a Hora de Ler, 15 minutos dedicados á lectura individual. Como xa sabedes, cada semana cambiaremos a materia na que se lerá, empezando pola primeira hora. Tedes toda a información nos calendarios. Este ano introducimos un cambio importante: decidides vós que queredes ler e responsabilizádesvos de coller, renovar e devolver os libros. A esperanza é que descubrades novas lecturas, que recomendedes e vos recomenden libros os iguais e que desenvolvades un mellor hábito lector. Boas lecturas! 

 

 


martes, 22 de septiembre de 2026

 Benvidas e benvidos ao curso 2026/2027

Algunhas persoas somos xa vellas coñecidas e outras comezades unha nova aventura. A unhas e outras, dámosvos a benvida dende o blog da biblioteca do centro. Se aínda non viñestes de visita, pasádevos. Temos un par de sillóns ben cómodos, tres ordenadores, xogos e mais xogos (xadrez, UNO etc) e centos de libros. 








viernes, 19 de junio de 2026

As lecturas de verán

O verán é tempo de praia, monte, piscina, bicicleta, viaxes, rutas e paseos, verbenas e festas, longas sobremesas e máis longas partidas de cartas e, como non, de lecturas. Dende a biblioteca recomendámosvos estas lecturas veraniegas en galego, castelán, inglés, portugués e francés. Que teñades bo verán!



https://canva.link/tdsl338a4o6unv2

jueves, 18 de junio de 2026

Reunión do club de lectura das adultas

O mércores 18 de xuño tivemos reunión do club de lectura das adultas: profesorado, persoal administrativo, laboral e da cafetaría do IES, algunhas persoas xa xubiladas. Aínda que na reunión non puidemos estar todas, xuntámonos once persoas. Estamos moi contentas de canta xente se apuntou este ano. A promoción da lectura pasa por involucrar a toda a comunidade educativa, gozar xuntas da lectura e de paso darlle exemplo ao alumnado. 

Comentamos A agonía das folerpas (2022) de Óscar Reboiras Loureiro, Premio de Novela Galicia Rural e obra prima do autor. Ambientada na Serra do Xurés, de a cabalo entre Galicia e Portugal, conta a historia dunha investigación policial e xornalística trala descuberta dun feixe de restos humanos na aldea de Salgueiro, onde se estaba construír unha ecoaldea. Falamos demoradamente da trama, das personaxes, da ambientación, dos feitos reais que a inspiraron e das problemáticas diferenzas entre a versión orixinal galega e a autotradución ao castelán. Ademais, a biblioteca elaborou e agasallounos estes marcadores tan chulos con citas das personaxes. A conclusión foi unánime. Velaquí tedes unha suxestión para a vosa primeira lectura de verán. Boas lecturas!




martes, 16 de junio de 2026

Obituario de Marjane Satrapi (1969-2026)

Como non podía ser doutra maneira, cando fixemos o mural do xogo das recomendacións de banda deseñada, alguén recomendou Persépole de Marjane Satrapi. Publicado a principios do século XXI, marcou xeracións de lectoras e lectores. Abriunos a porta á historia de Irán entre 1979 e 1994 dende os ollos dunha pícara dunha familia liberal a cabalo entre varias culturas e xeracións. Ademais, para moitas de nós foi un espertar á novela gráfica. Vinte anos máis tarde, segue tendo a mesma forza. Se aínda non lestes a Satrapi ou non lle vistes as películas, aproveitade o verán ou anotádea na vosa lista. 

Deixounos a comezos de xuño e dende a biblioteca, queremos renderlle homenaxe. Foi unha excelente escritora, pintora, directora de cine e defensora acérrima da liberdade de expresión e dos dereitos humanos. Que a terra lle sexa leve. 

 



     

viernes, 12 de junio de 2026

Reunións dos clubs de lectura do alumnado

Esta semana tivemos reunión dos clubs de lectura. No de manga andamos a voltas con Wild Strawberry de Ire Yonemoto, unha distopía posapocalíptica no que os humanos deben escapar dos jinka, unhas plantas asasinas. No de novela comentamos Golpes de luz de Leticia Costas, un melodrama familiar cunha divertida relación avoa-neto. 


O Torneo de Xadrez chegou á súa fin

Despois dun par de meses de partidas nos recreos dos xoves, xa temos gañadores e gañadora. Velaquí os tedes nas últimas partidas e cos trofeos que fixemos coa impresora 3D en colaboración co Departamento de Tecnoloxía.