viernes, 24 de enero de 2025

Hai moito fato...

 

... E iso, ás veces, é moi bo! Sobre todo cando se trata dos 35 acertos acadados na semana de apertura do concurso "Dar no cravo". Porque "fato/a" é xustamente a resposta que buscabamos para a primeira definición desta iniciativa coa que a biblioteca A Chave das Noces quere poñer en valor o léxico da Mariña lucense.

Outro dos obxectivos do concurso é que o alumnado esprema os miolos na procura da palabra exacta para cada definición. Así que, parabéns ás persoas que deron no cravo e grazas ao conxunto dos máis de 70 alumnos e alumnas que participaron coas súas respostas. 

Desa variedade de propostas recibidas nace un novo premio do concurso, desta volta, para a resposta menos acertada. Trátase do "Vaite chino", que está inspirado no certame "Cuidao con Tkachenko", do CB Celtas Foz. "Miñaxoia", "sandeu" e "petardez" son algunhas das palabras candidatas. 😉



O próximo luns, 27 de febreiro, atentas e atentos á nova pista do concurso. 

Moita sorte!

lunes, 20 de enero de 2025

Bota a andar "Dar no cravo"!




'Calidade referida a unha persoa pouco intelixente'

Esta é a primeira definición de "Dar no cravo", o concurso da biblioteca A Chave das Noces que pon en valor o patrimonio lingüístico da Mariña lucense e mais a capacidade das alumnas e dos alumnos do IES de Foz para atopar as palabras exactas da nosa comarca. 

A iniciativa bota a andar hoxe e, durante 10 semanas, irase ofrecendo unha definición. 

Que tes que facer? Moi sinxelo! Cando teñas a palabra que buscamos, achégate á biblioteca e anótaa nun papel, xunto co teu nome, apelidos e curso. Despois, deposita o papel na caixa do concurso. 

Anímate e participa! Préstalle atención á definición semanal e, se dás no cravo, agarda por ti un máis que merecido premio. 

Moita sorte!

viernes, 20 de diciembre de 2024

Bo Nadal e felices lecturas!

 

O Nadal é unha época chea de momentos especiais para compartir e desfrutar na mellor das compañías, pero tamén para conectar con nós mesmos. Por iso, desde a biblioteca do IES de Foz propoñémosvos unha serie de lecturas coas que gozar no tempo libre. 

A cidade do átomo, de Iria Misa; Tras do ceo, de Manuel Rivas; The London Eye Mystery, de Siobhan Dowd; Un verano en Portugal, de Pablo Gutiérrez; A marca de uma lágrima, de Pedro Bandeira, ou Les téléphoniestes anonymes, de Agnès Desarthe, son algúns dos títulos en galego, portugués, inglés, castelán e francés que podedes atopar nesta escolla dirixida a alumnado da ESO, de bacharelato e tamén ao público adulto. 

Felices festas e felices lecturas!



viernes, 13 de diciembre de 2024

Queridos Reis Magos...

Este Nadal queremos pedirlles aos Reis Magos novas lecturas para a nosa biblioteca!

E, para iso, necesitamos a túa colaboración. Preme aquí e suxírenos, nunha breve enquisa, algúns libros ou outros materiais cos que poidamos enriquecer o noso catálogo. 

Moitas grazas por nos axudares!


martes, 10 de diciembre de 2024

No Día dos Dereitos Humanos

No Día dos Dereitos Humanos, reivindicamos a lectura para avanzar cara a un mundo sen discriminacións, máis xusto, máis pacífico e máis sostible. Facémolo coa proposta de dúas obras que están dispoñibles na biblioteca: Usha, de María Reimóndez, e Persépole, de Marjane Satrapi. 

 


martes, 26 de noviembre de 2024

A chave das noces busca mascota!


Se es unha persoa creativa e tamén, alumna ou alumno do IES de Foz, temos un concurso para ti. Deseña unha mascota para a biblioteca, ponlle nome e explica o que representa. 

Anímate a participar! Tes ata o 20 de decembro e recorda que haberá premios para as dúas mellores propostas. 






lunes, 25 de noviembre de 2024

Lecturas para o 25N


Mulleres que (nos) dan que pensar, de África López Souto; El silencio de las mujeres, de Pat Barker; Rosalía feminista, de Helena González Fernández; Calladita estás más guapa, de Carme Chaparro, ou Basta! Guía de autodefensa feminista para adolestes (e máis)..., de Marion Le Muzic e María Maeso. Escolle a túa lectura e mergúllate na conmemoración do 25N. 

Por un mundo sen violencia contra as mulleres.