miércoles, 9 de octubre de 2013

Xa estamos de volta!!!

Aínda que un pouco tarde xa volvemos a estar na rede. As actividades na nosa biblio xa están a rodar Anímate a participar nelas e...
       ven á biblioteca!

martes, 2 de julio de 2013

A libraría de ouro!

O certo é que temos moita sorte. Unha das librarías máis antigas da nosa provinciaé a Libraría Bahía, e témola en Foz! Está a celebrar 50 anos e por esa razón nós, os colaboradores da biblioteca escolar, quixemos celebralo con eles.
Xa sabedes que fomos mercar libros alí pero, ademáis, pasamos un rato moi agradable con Cielo, a súa propietaria, facéndolle unha pequena entrevista para así coñecer mellor a súa historia.
Como o fin das clases chegou de puntillas, sen case darnos conta, non puidemos poñela por escrito pero queremos compartir con vós algo do que alí se falou.
Soupemos que a ubicación actual non foi a primeira xa que cambiaron de local fai uns dez anos, e agora é un único espazo onde convive a libraría Bahía e a xoguetería Din y Don. Esta combinación de negocio permite que o negocio sexa rentable de xeito que se poida vivir del.
Tamén soupemos que Cielo e Miguel son a segunda xeración, xa que Suso e Marita, os pais de Cielo e pais da libraría xubilaronse deixandoa en mans da súa filla que adora os libros. E foi precísamente destes, dos libros, do que máis falamos. Eles apostan pola literatura menos comercial e seguramente máis interesante, do poder das grandes editoriais para guiarnos a comprar o que eles queren e como nós debemos ser conscientes diso, propoñen ler "a contracorrente" e sobre todo, apostan pola literatura e a cultura galega en xeral. Falamos da situación do galego e da nosa responsabilidade para que non se perda. Por esta razón fan obradoiros con nenos, sempre hai música de autores galegos de fondo na tenda, non queren ser unha tenda de libros, senón unha libraría viva.
O certo é que foi unha media hora de conversación tranquila, sincera e da que disfrutamos todos.
Moitas grazas, Cielo, por estar sempre disponible para o que necesitamos cun sorriso.

viernes, 28 de junio de 2013

Un contacontos xenial

Non se pode inaugurar esta crónica sen aplaudir o duro traballo levado a cabo por
autores como Xosé Miranda e outros máis que defenden a cultura e literatura
galega día a día.
 Trataremos aquí dous aspectos relevantes: o libro de Xosé Miranda As mans do
medo e a opinión persoal sobre o que nos reflectiu o escritor durante a súa visita
ao centro.
 Respecto ao libro, desgraciadamente non tivo demasiado éxito, pois a crítica máis
común citada foi a falta de interrelación entre os relatos. Ademais, non sempre o
lector capta con facilidade as emocións que o autor desexaba transmitir, a duración
dos relatos non é equitativa e nalgúns casos emprega un léxico algo complexo.
Deixando á parte a súa obra, pasemos á nosa opinión sobre o autor.
 Xosé Miranda cumpriu perfectamente coas expectativas e soubo entreter o público
con éxito. Na súa charla, a cal foi moi amena, expuxo a súa obra e as súas
vivencias como escritor. Explicounos como comezou no mundo da literatura,
segundo el ós 3 anos. Contounos, de forma moi entretida, os proxectos que estaba
levando a cabo xunto con moitos outros autores para recopilar a tradición oral
galega. Comentou como era complicadísima a recopilación de relatos orais, pois
sobre un mesmo relato había que engadir a enorme cantidade de variacións existentes. Unha vez expostos todos os seus propósitos, procedeu a contarnos
tres contos marabillosos, os cales foron moi entretidos debido ó emprego dun léxico coloquial e á claridade coa que falaba, ademais de saber xesticular.
 Para rematar esta crónica, cómpre engadir que Xosé Miranda é un contacontos xenial, unha persoa moi afable e simpática á cal animamos para que continúe coa escritura de libros en galego.

Uxío, Javi e Xabi, alumnos de 3º de ESO do IES de Foz

Xosé Miranda visita o IES de Foz

Xosé Miranda Ruíz naceu en Lugo o 18 de decembro de 1955 e é un escritor galego,
licenciado en Bioloxía pola Universidade de Compostela en 1978. Na actualidade exerce
como profesor de Bioloxía e Xeoloxía no instituto Xoán Montes de Lugo. Foi gañador do
Premio Modesto R. Figueirido de 1988 con Na terra sombría. Conta cunha depurada
técnica narrativa e cun discurso propio. Investigador da literatura galega de tradición oral,
publicou numerosas recolleitas de contos con Antonio Reigosa e Xoán Ramiro Cuba.
 O día 22 de abril visitou o IES de Foz e veu dar unha charla sobre a súa carreira
como escritor.
 Gustounos moito a súa visita, xa que nos ofreceu moita información sobre a súa
traxectoria. Díxonos que levaba escribindo dende os doce anos e que a el lle
gustaba escribir sobre cousas diferentes, non facer “fotocopias” doutras obras,
porque iso o aburría.
 Tamén nos contou lendas e historias antigas, que dito así pode parecer aburrido
pero, en cambio, foi moi interesante e entretido.
 Pareceunos unha persoa moi agradable, pero o mellor de todo foi que nos
respondeu a todas as preguntas que lle fixemos.
 Tamén falamos polo miúdo dun dos seus libros, As mans do medo, que lemos este
curso. Comentounos moitas cousas sobre el, por exemplo por que o libro levaba o
título do primeiro relato, en que se baseara para crear o monstro de “A neve e a
cadeira”, e outros detalles de interese.
 Foi unha visita moi agradable.
 Un saúdo de Ainoa e María, alumnas de 3ºESO do IES de Foz.

Crónicas

O alumnado de 3º ESO elaborou tres crónicas sobre a visita de Xosé Miranda ao noso centro. Estas formaron parte dos traballos que tiveron que presentar na clase de lingua galega e quixeron compartilas con vós.
Grazas por facelo!

Crónica sobre Xosé Miranda

Xosé Miranda naceu en Lugo, en 1955. Licenciouse en Bioloxía na Universidade de
Compostela no ano 1978 e na actualidade exerce como profesor de Bioloxía e Xeoloxía
no instituto Xoán Montes da súa cidade natal. É especialista en literatura oral e, xunto con
Antonio Reigosa e Xoán R.Cuba, publicou moitos libros de contos populares galegos,
dirixidos a un público infantil.
 O día 22 de abril Xosé Miranda ofreceunos unha charla sobre a súa vida como
escritor ós alumnos de 3ºESO do IES de Foz. En primeiro lugar uns cantos
alumnos e alumnas fixémoslle unha pequena entrevista sobre varias cuestións
relacionadas co libro que leramos, As mans do medo.
Algunhas das preguntas eran: “Hai algún xénero sobre o que non che guste escribir?”, “A vila de “A neve e a cadeira” é real?”...A esta última respondeu: “Si, está baseado no barrio no cal eu vivía cando era neno e o mapa era o da miña rúa xunto coas cousas que alí había... e incluso os personaxes se podían identificar con persoas que existían naquela época”.
 Despois de responder moi amablemente as nosas preguntas, falounos sobre
contos e lendas urbanas. Estas trataban temas moi diversos como poden ser a
emigración, a convivencia, a discriminación cara ós inmigrantes...Foinos relatando
historias como o asasinato do “chino Antonio”, o sorriso do pallaso, aquela outra
sobre unha boa como animal de compañía, o conto de Crispín e Bastián... Esta
última, a de Crispín e Bastián, foi a que máis nos gustou e unha das que nos fixo
rir moito.
 Por falta de tempo, Miranda tívose que marchar e non nos puido seguir contando
máis historias, pero nós esperamos que siga escribindo e regalándonolas.

 Rocío Couto, Florencia Espiñeira, Alejandra Noceda, Alba Basanta, Paula Linares e Nathaniel
Gordon (alumnado de 3º ESO)

jueves, 20 de junio de 2013

SAÍDA Á LIBRARIA BAHÍA

Esta semana os colaboradores da biblioteca do IES de Foz  fumos á libraria Bahía en busca de libros novos para renovar as historias da biblioteca. Tamén mercamos tres xogos máis para os momentos de lecer.
Fixemos grupos  e escollimos libros de todo tipo. Cada un deles foi elixido ao gusto de cada colaborador.
Algúns dos libros foron:

Ao chegar ao instituto reunímonos na biblioteca para escribir unha dedicatoria persoal no libro que escollimos. Finalmente, hoxe, no recreo, presentámolos ante os demáis nos "Xoves Lectores". Vaia ambiente tíñamos hoxe!
                                                @s Colaborador@s da biblio.