jueves, 1 de noviembre de 2012

QUÉROTE SEN VIOLENCIA

   Dende a biblioteca querémosvos propoñer dúas actividades para  reflexionar sobre este tema  e, en especial sobre a violencia que aparece nas relación  entre parellas adolescentes. Pretendemos, así, presentar formas de relación baseadas na igualdade, o respecto, a autonomía persoal e o apoio mutuo.
   Podedes dedicar a este tema as sesións de titoría que teñades entre os días 19 e 30 de novembro. Se vedes que o tema dá para máis, actuade libremente nas seguintes titorías. 

ACTIVIDADE 1
A) TRABALLO EN GRUPO NA AULA: Dividir a clase en 4 subgrupos (un de chicos, un de chicas e 2 mixtos) que deberán responder ás seguintes cuestións:
1. ¿Credes que a violencia de xénero é un problema que se da en parellas xoves? ¿Por que?
2. ¿Que factores inflúen para que se xeren relacións de violencia en parellas xoves?
3. ¿Que poderiamos facer os chicos para previr a violencia masculina contra as mulleres?
4. ¿ Que poderiamos facer as chicas para previr a violencia masculina contra as mulleres?

B) POSTA EN COMÚN: Posteriormente exponse o traballo dos subgrupos en gran grupo, e realizase un debate no que o titor/a será o moderador/a.

C) AS NOSAS PROPOSTAS “TQ SIN VIOLENCIA”
Cada grupo elixirá da lista de afirmacións, que vos proporcionará o titor, as 10 frases que consideren máis relevantes para fomentar relacións de igualdade entre mulleres e homes.  Tedes que lelas con atención  e seleccionar 4 frases da lista de chicos, 4 frases da lista de chicas, e por último proporán outras 2 afirmacións novas.

D) POSTA EN COMÚN:
As novas propostas podedes expresalas nun mural que, posteriormente, pegaredes nos paneis que haberá en distintos lugares do centro como resumen do traballo de tódolos cursos.


ACTIVIDADE 2
Paralelamente queremos que vos expresedes. Buscade na prensa (impresa ou dixital) noticias relacionadas coa violencia de xénero. Recortadeas e pegadelas tamén nos paneis. Haberá un lugar delimitado para estas  noticias,  outro para que escribades a vosa opinión, sentimentos, etc e outro para as vosas propostas. Podedes utilizar a prensa e revistas propias ou da biblioteca. 

jueves, 27 de septiembre de 2012

XA ESTAMOS DE VOLTA!

Ola! Comezamos un novo curso cheo de ilusións e proxectos. Estamos encantados de vervos  pola biblioteca e preguntando cando faremos isto ou estoutro. Paciencia!. Estamos dándolle os últimos toques á nosa programación. Mentres tanto, lémbrovos que o noso horario de apertura é:
De luns a venres: de 9,00 h a 14,30 h
Os luns tamén abrimos pola tarde de 16,00 h a 17, 40 h.


miércoles, 2 de mayo de 2012

Os gañadores

O curso 3º ESO A  foi o gañador do concurso Sabes Quen Son? e, por fin, saborearon o seu premio. Aquí vos deixo as fotos que fixemos na xornada de almorzos organizada polo departamento de hostalaría, na que foron o grupo invitado.
Moitas grazas a este departamento polo moito que colaboran con nós cada vez que llo pedimos e non vos perdades as como se puxeron os premiados!






jueves, 19 de abril de 2012

En abril...libros mil!


Queremos celebrar convosco o día do libro, que como xa sabedes é o próximo luns 23 de abril. Por iso, e porque cada un ten gustos distintos, propoñemos varias opcións:
1. Imos proxectar nas pantallas das entradas do centro unha curta de animación que ten como protagonistas os libros:
 Non volo perdades! Vaivos gustar!

 2. Durante o recreo do luns  23, na Biblioteca, leremos algúns poemas que os “profes” elixiron para esta ocasión.
 Estades todos convidados!

3. Cal é o teu libro favorito?
Queremos facer un gran mural no que aparezan as portadas dos libros que máis nos gustan, polo que necesitamos a colaboración de tod@s.

Busca a imaxe do teu libro favorito, 
pégaa nun documento de word xunto co teu nome, 
e envíanola a
 Nós imprimirémola e iremos pegándoas no mural ao longo da semana.
 (Se che resulta máis fácil  podes traela xa impresa ou nunha USB á biblioteca nos recreos)

lunes, 26 de marzo de 2012

Tes que vela!

Vilamor é a nova película de Ignacio Vilar, coñecido xa pola súa exitosa longametraxe "Pradolongo". Vilamor é un filme baseado no ano 1976 en feitos reais, no que un rapaz chamado Breixo forma parte dunha comuna idealizada nun estilo de vida alternativo que decide axudar aos recén chegados a recuperar a aldea. Mais non todos parecen destinados a vivir este soño de liberdade.
O seu lema é "Soñamos cun mundo mellor. Decidimos facelo realidade"


O día 23 de marzo viñeron promocionarnos o seu filme o director, (Ignacio Vilar) os actores principais (Rubén Riós e Sabela Arán) e un actor de reparto (Xoel Yáñez).
Ignacio Vilar explicounos en que consiste a rodaxe dunha pelicula, o seu custo e a súa financiación.
Fixemos un simulacro no cal se vía que non era tan fácil grabar unha escea, xa que o tempo está limitado e por un simple fallo pódese botar a perder un día de traballo, o cal ten que retomarse ó día seguinte e supoñería unha gran perda de cartos.

A súa presenza foi agradable, levadeira e entretida. Gustarianos que houbese máis destas charlas, que ademáis de entretidas son didácticas.


Este filme pódese ver a partir do 30 de marzo nos cines de Ribadeo, As Termas e no centro de Lugo ata o 1 de Abril. Agás en Lugo que tamén está en Semana Santa.

Podedes informarvos na páxina oficial: www.vilamor.eu
E seguilos nas redes socias: twitter, tuenti e facebook.

http://www.youtube.com/watch?v=YJ4HS-Ryf0g

Itziar Bernardo, Vanessa García, Judit Trelles, Sandra Rey


domingo, 18 de marzo de 2012

Día da muller traballadora

Dende o día 8 de marzo estamos a celebrar  o día internacional da muller traballadora. Para iso preparamos varias actividades dirixidas ao alumnado.
Para 1º, 2º e 3º de ESO organizamos un xogo na biblioteca que consistía en atopar o nome de 13 mulleres destacadas na historia das cales só coñecían a súa foto e algúns datos das súas biografías. Durante unha sesión de clase, e divididos en grupos, investigaron sobre elas e foron moitos os que atoparon os seus nomes. Seica o pasaron moi ben ao tempo que descubriron unhas mulleres excepcionais!
Ao mesmo tempo, o alumnado de 4º e 1º de Bac investigaron a vida doutras mulleres e elaboraron unhas fichas sobre elas que expoñeremos na biblioteca e nas pantallas das entradas dos edificios A e B a partir do luns 19.
Aquí vos deixo un avance do ben que o pasaron xogando en grupos e pronto poderedes ver os traballos dos maiores.



As nosas actividades na prensa

Co gallo do día mundial da muller traballadora fixemos distintas actividades nas que participastes moitos de vós. A prensa fíxouse nelas e reflexounas en distintos medios. Podedes ler o que publicou Crónica 3 ou consultar na biblioteca as edicións da Mariña de El progreso e La voz de Galicia.