Marzo non é só o mes que lle dá a benvida á primavera. É tamén a época do ano no que a literatura ten un protagonismo especial, coas celebracións dos días da banda deseñada, da poesía e do teatro.
O día 21 é a quenda do xénero lírico. Na biblioteca agárdante unha chea de poemarios para emocionarte e gozar coas palabras. Entre as obras que podes levar en préstamo atópanse algúns dos títulos da escritora homenaxeada este ano coas Letras Galegas, Luísa Villalta, como Libro das colunas.
Tamén podes descubrir novas historias a través da ilustración, que celebra o seu día cada 17 de marzo. Achégate á mostra que realizamos con obras dalgúns dos máis destacados autores galegos, como o Premio Nacional de Cómic Miguelanxo Prado, Pepe Carreiro, Ana Moreiras ou Alberto Guitián. Tampouco faltan nesta selección clásicos do talle de Tintín, Mafalda, Astérix e Obélix, Zipi e Zape e Mortadelo e Filemón, entre outros, así como series de estilo manga: Noragami, Pokémon, Banana Fish, Jujutsu Kaisen... Aínda hai espazo para adentrármonos na historia da Guerra Civil española ou do nazismo e das súas vítimas, a través da biografía gráfica de Ana Frank. E, se buscas outras propostas, aquí atoparás a lista completa de cómics que estás accesibles na biblioteca.
Ademais, non perdas a oportunidade de te mergullar no xénero dramático, co gallo do Día do Teatro, o 27 de marzo. Son numerosos os títulos que te agardan para desfrutar deste xénero literario na biblio do IES de Foz.
No hay comentarios:
Publicar un comentario