sábado, 23 de diciembre de 2023

Felices lecturas!

Este Nadal, tes unha chea de propostas para gozar da lectura no tempo teu tempo de lecer. Bótalles unha ollada ás recomendacións que suxire o profesorado do IES de Foz e escolle a obra que máis che interese. Nestas recomendacións non faltan historias de medo e misterio, viaxes a través das xeografías máis singulares do planeta, biografías das nosas pioneiras galegas ou o universo de Harry Potter; unha variada selección na que, de seguro, atoparás lecturas do teu interese. Consulta esta edición especial de Nadal preparada pola docente Lucía Teijeiro e escolle a túa aventura para rematar o ano da mellor maneira. Que teñas unha feliz lectura!

miércoles, 13 de diciembre de 2023

Bule, que remata...!

Últimos días para inscribirse no Campionato de Xadrez que organiza a Biblioteca. Se desfrutas con este xogo e che apetece pasar un rato entretido, a que esperas? Tes ata o 15 de decembro para anotarte na lista que está dispoñible no taboleiro da biblioteca. Así que, corre e prepárate para gozar das partidas que se celebrarán nos recreos dos mércores. Ademais, haberá premios para as tres primeiras persoas clasificadas.

jueves, 16 de noviembre de 2023

Novembro, mes da lectura

Calquera mes é ideal para nos mergullar nun libro, pero novembro é o escollido para conmemorar o Día da Lectura en Galicia. O motivo: o nacemento do escritor galego Xosé Neira Vilas, autor de obras tan senlleiras como Memorias dun neno labrego. Este e outros títulos do autor están dispoñibles na biblioteca. Anímaste a navegar a través dalgunha das súas historias?!

lunes, 13 de noviembre de 2023

Concurso de microrrelatos sobre as emocións

Gústache escribir? Tes historias interesantes que contar? Se é así, non podes deixar escapar a oportunidade de participar no Concurso de microrrelatos que convoca a Biblioteca. Non máis de 500 palabras, unha gran dose de creatividade e unha trama baseada nas emocións, o tema escollido este ano pola Biblioteca para traballar ao longo de todo o curso. Estes son os principais ingredientes a partir dos que debes cociñar o teu texto. Consulta toda a información nas bases do certame. E recorda: tes ata o próximo 13 decembro para participar. Moita sorte!

jueves, 2 de noviembre de 2023

Quen dixo medo?

Atréveste a gozar dunha proposta de medo, de moito medo?! Ven á biblioteca gozar a través dunha nova selección de obras, baseada nesta ocasión en libros e filmes "terroríficos", co gallo da celebración do Samaín. Podes levar en préstamo desde lecturas como Trece avisos, de Paula Carballeira; El libro del cementerio, de Neil Gaiman; O demo á orella, de Xosé Miranda, ou a novela gráfica de Antonio Seijas baseada no libro Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz, ata DVD como os das películas La novia cadáver ou Las brujas de Zugarramurdi. Pero iso non é o todo. Tamén podes adentrarte no Cemiterio de lendas enterradas, que se exhibe na entrada do edificio principal, e deixar voar a imaxinación a través de textos elaborados para a ocasión polo alumnado de 1º e 4º de ESO, e da Aula Específica. Literatura e arte funeraria van da man nesta iniciativa organizada polo departamento de Lingua Castelá, en colaboración cos de Tecnoloxía, Plástica e Latín e Grego. E a arte tamén é o eixo central da exposición de debuxos Quen dixo medo?, na que alumnado de 1º e 2º da ESO amosou a súa visión sobre diversos seres mitoloxícos galegos, como o home do saco, o cabalo da Fiaña, nubeiro ou Brancaflor, a filla máis nova do demo. Grazas a todo o alumnado e profesorado que fixo posible estas iniciativas "de medo", enmarcadas nunha programación do curso que ten como protagonistas as emocións.

miércoles, 4 de octubre de 2023

BENVIDA!

Novo curso e novo alumnado! A Biblioteca do IES de Foz non deixou pasar a ocasión de lles dar a benvida, un ano máis, aos estudantes de 1º da ESO que se incorporaron ao centro. Nunha xornada de presentación, a rapazada coñeceu os diferentes e múltiples recursos que pon ao seu dispor a biblioteca, da man da súa coordinadora, a profesora de Música Ana Carrera, e da profesora de Lingua Galega e Literatura Montse García. Benvidas e benvidos a todos!